Vostede está aquí

Rede Natura 2000

A Rede Natura 2000 é unha rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade que ten o fin de asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os hábitats máis ameazados de Europa.

A Rede Natura 2000 componse de Lugares de Interese Comunitario (LIC) declarados polos Estados membros con arranxo á Directiva Hábitat de 1992 e de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) que se designan de acordo coa Directiva Aves de 1979. Así mesmo, nun prazo de 6 anos desde a declaración dun LIC, a Directiva Hábitat prevé a súa designación definitiva como Zonas de Especial Conservación (ZEC).
Segundo datos de 2009, España designou o 24,5% da súa superficie terrestre como Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e o 20,6% como Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
 
A área de actuación do proxecto LIFE+ Urogallo cantábrico comprende 16 ZEPA da cordilleira Cantábrica, que pertencen ás Comunidades Autónomas de Galicia, Cantabria, Principado de Asturias e Castela e León.

Programa LIFE

O programa LIFE+ é un instrumento financeiro da Unión Europea que proporciona un apoio específico para desenvolver e aplicar a política e a lexislación comunitarias en materia de medio ambiente. O acrónimo LIFE+ provén do francés L'Instrument Financier de l'Environment. O programa comezou en 1992 e no 1 de xaneiro de 2007 converteuse no Programa LIFE+ que continuará ata o 31 de decembro de 2013.A protección do medio ambiente é unha das dimensións crave do desenvolvemento sostible da Unión Europea e, polo tanto, unha prioridade para a cofinanciación comunitaria. Os proxectos financiados por LIFE+ deben contribuír á consecución dos obxectivos específicos dos seus tres ámbitos temáticos: Natureza e Biodiversidade, Política e Gobernanza Ambiental e Información e Comunicación.
 
O obxectivo principal do programa LIFE+ Natureza e Biodiversidade é protexer, conservar, restaurar e desenvolver o funcionamento dos sistemas naturais, os hábitats naturais, e a flora e a fauna silvestres, co fin de deter a perda de biodiversidade na Unión Europea. Entre os obxectivos específicos do programa prevese a aplicación da política e a lexislación comunitarias en materia de natureza e biodiversidade, en particular as Directivas Aves 79/409/CEE e Hábitat 92/43/CEE, e apoiar o ulterior desenvolvemento e execución da Rede Natura 2000.
 
O LIFE+ Urogallo cantábrico é un proxecto LIFE+ Natureza e Biodiversidade e contribúe á aplicación das Directivas de Aves e Hábitat, centrándose nos hábitats e as especies que forman parte dos anexos de ambas as directivas, sendo o seu ámbito de aplicación os espazos da Rede Natura 2000.
 
En 2009 o Programa LIFE+ permitiu de xeito excepcional financiar os estudos científicos do proxecto LIFE+ Urogallo cantábrico, aplicados á xestión e conservación da subespecie na cordilleira Cantábrica en España.